Na historia de Woody Allen, “A puta de Mensa”, o cliente dun bordel pregúntalle á Madama: ¿E se lle pido que dúas destas rapazas veñan comigo a explicarme as teorías de Noam Chonsky?. A Madama, que sospeita que malia a súa longa experiencia está perante unha inédita e requintada perversión, respóndelle : Iso vaille custar una pasta”. Non sei de onde tiraría Woody Allen o material do seu relato pero de certo, por razóns cronolóxicas, non foi de don Ramón Otero Pedrayo que, en 1906, cando era un mozo, deixábase ver no Madrid no que estudaba, por eses locais onde, “por min as golfas tiñan unha simpatía particular” e onde, ao seu xeito afrancesado, exercía como o cliente de Woody Allen, “perversións” semellantes: Nun leito de prostíbulo lin, declamando, As Flores do Mal na soada versión de Eduardo Marquina… Por suposto, nas Lembranzas, (libro de memorias de Otero que ven de se publicar ) cóntanse moitas máis cousas que esta anécdota escollida por pouco acaída coa visión que temos de don Ramón. Estamos tan afeitos ao don Ramón patriarcal dos anos maduros e da vellez que esquecemos que foi novo e facía o que daquela facía a mocidade polas noites cando deixaban as clases, o Ateneo, e os faladoiros dos cafés. Tiveron que pasar moitos anos para que, Lembranzas do meu vivir, autobiografía que vai da súa nenez á mocidade, fose publicada e que o vivir que nela se conta, fose coñecido. Polo menos na miña idea, a sempre loada humanidade de don Ramón, non perde con estas lembranzas… medra.
PD: Lembranzas do meu vivir. II. Madrid: 1904-1012. Galaxia. 2015. Prólogo de Ramón Villares. Edición e notas, Joaquím Ventura.