Eran catro homes maduros os que falaban na mesa do café a carón da miña. Un deles, máis que falar, esbardallaba abafando coa súa leria fachendosa aos demais que pouco máis podían facer que coidar das súas copas de viño que os amplos xestos cos que emisor de berros acompañaba a súa oratoria, ameazaba. Nun momento do rodopío, o esbardallador interpelou a un dos abafados que, calado, non participara nin na “conversa” nin intentara facelo. O interpelado ollou para o home berrante e moi devagar dixo: “Non me gusta que me interrompan cando estou calado…”. Pampo, perante unha resposta que non tiña devanceiros no seu maxín, o home que berraba, recolleu os seus lentes da mesa e marchou. Vaille levar tempo entender o que alí aconteceu.
Tiven ganas de me erguer e felicitar a quen así replicara pero quedei calado. A ese home non lle gusta que o interrompan cando cala. E seguía calado…Os outros tres, tamén pero tiñan un sorriso na cara.
O velho do Restelo