En algures, conta ArthurKoestler, o caso curioso dunha amiga que coñecera nos seus tempos berlineses que tiña moitas aventuras amorosas con escritores sen que lle importara moito a súa idade pero si, as súas cifras de ventas. Se os escritores amantes non venderan máis de 20.000 libros, por razóns que dicía non comprender, non podía chegar ao orgasmo con eles. Non se sabe que acontecía cos que venderan centos de miles nin cos que venderan 19.999. É cousa coñecida o atractivo erótico que o poder ou a fama exerce nas cousas amorosas pero un orgasmo “literario” que esixe unhas cifras tan precisas, conveñamos en que é algo insólito. Non sei se Koestler estaría daquela nese feixe escolleito dos 20.000 exemplares. Nos anos 30 do pasado século cando vivía en Berlín e militaba no Partido Comunista, aínda non publicara ningún dos libros que o farían famoso así que, ou non houbo orgasmo ou non entrou no escolleito grupo de amantes da súa amiga.
Tampouco se sabe se Hitler foi un dos amantes orgásmicos desta amiga de Koestler pois cumpría as súas esixencias numéricas aínda que sendo amiga de Koestler, coido eu, que non se sentiría moi achegada nin seducida polo nazismo de Adolf nin pola súa prosa.Hitler, que puña “escritor” na súa declaración da Facenda, fíxose millonario coas ventas do seu MeinKampf pero sospeito quecomo din certas incertas informacións,que querer seica quería, pero que poder, non podía.
A Balzac, supoño, non chegou a coñecelo pero cumpriría de lonxe os seus requisitos. Vendía libros a esgalla para, dicía, ganar o amor das mulleres no que nun home coma el, case anano e repoludo, non deixaba de ter o seu mérito fosen as conquistas pola vía literaria ou pola vía máis tradicional. Sábese que entre os seus papeis testamentarios había máis de 10.000 cartas de admiradoras pero pouco se sabe se a admiración foi epistolar ou algo máis carnal. Hai que supoñer que con GeorgesSimenon, que vendeu 550 millóns de libros ao longo da súa vida, os orgasmos desta muller,se se dera o caso, serían como as fervenzas do Iguazú e cumpriría que algún investigador examinara os seus papeis póstumos para ver se entre as 10.000 mulleres das que se gababa Simenon que pasaran polo seu leito industrial de pracer, se atopaba esta esixente amante e de ser o caso, os detalles desa experiencia que Simenon tiña por costume anotar.
Non sei se os escritores que se afanan en chegar a escribir un best-seller estarán motivados só polo diñeiro ou pola sona literaria que poden acadar. A existencia de mulleres, como esta de Koestler,(pouco acreditada, é certo), abre un sospeitoso interrogante sobre os seus motivos.
Hai que ser optimistas e ver nesa muller un caso moi especial e insólito porque hoxe, coas pequenas tiradas que son a normae a decadencia da lectura, hai que supoñer que a maioría dos escritores que algunha vez confiaron a súa vida amorosa ásedución pola literatura será mellor que chamen ás portas de Oseira.