Do arcano voo da transparencia
12.00€
BIOGRAFÍA
Javier Rodríguez González (Ourense, 1983) é licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Ciencias Relixiosas (Universidade Pontificia de Salamanca). Funcionario de carreira, traballa desde hai anos como profesor de Ensino Secundario en Segovia. En Preludio a la ceguera (Eurisaces, 2014) recóllese gran parte da súa produción escrita en galego e castelán. Tamén colaborou con poemas e recensións en revistas como Encrucillada, Piedra de Molino, El Cobaya, Rudesindus o Auriensia. No ano 2021, obtivo o Premio Internacional de Poesía “Miguel Hernández-Comunidad Valenciana”.
SOLAPA
Do arcano voo da transparencia pecha unha sorte de percorrido poético do autor ourensán, iniciado coa plaquette Citerea (VIII Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, 2019). Nesta ocasión, a ensimesmada ollada de Lady of Shalott serve como punto de partida, nunha écfrase heterodoxa e libérrima, para unha aventura poética que é, ao mesmo tempo, un intenso soliloquio existencial. A indagación na dialéctica entre a destrución e a forza redentora da beleza, a plenitude e a tráxica conciencia da fugacidade terreal e, sobre todo, a reflexión sobre os lindes do proceso creativo configuran un discurso proteico e persoal. Un poemario no que podemos apreciar, así mesmo, a pluralidade de fontes e referencias culturais, a presencia recorrente de imaxes de inspiración surrealista, mesturadas nun universo fantasmagórico, mais no que hai espazo tamén para a desmitificación, o desengano ou o distanciamento irónico.