Cousas do día a día e restos de naufraxios
20.00€
El autor
Alfonso Mato (Ribadavia, 1956), escritor e documentalista, traballou na Gran Enciclopedia Gallega e no Instituto Galego de Información e colaborou en varios proxectos do Consello da Cultura Galega e da Universidade de Santiago de Compostela. É autor de diversas publicacións sobre a historia cultural galega do primeiro terzo do século XX, como O Seminario de Estudos Galegos (2001) ou De camiños, viaxeros e camiñantes (2016, en colaboración con Santiago Lamas), premio Ramón Piñeiro 2015.
Sinopsis
Na existencia máis ou menos longa que a xenética e a vida nos concede, todos temos cousas do día e restos de naufraxios que contar, pero poucos son os que saben facer deses avatares que nos acontecen algo que paga a pena ler. É o caso de Alfonso Mato e deste libro que olla para fora como un analista escéptico e retranqueiro, e para dentro, cando ven ao caso, como un filósofo non menos escéptico, pero sempre con humor e ironía e sen alporizarse malia o que conta. Coido que non esaxero se digo que hai poucos libros neste pouco traballado eido da literatura galega onde conviven os Diarios cos artigos e os pequenos ensaios, que esperten como este libro, o degoiro de ler sen pouso as súas páxinas claras e fondas.
Do que trata o libro e de como foi escrito, infórmanos o autor sen que sexa preciso engadir nada más:
«Un sempre anda cos ollos e os ouvidos alerta, pillando de libros, revistas, xornais, películas, cancións, conversas con amigos, coñecidos ou descoñecidos, frases que escoitas ao pasar, paisaxes, situacións cotiáns… que sei eu. Cando teño a man lapis e papel adoito anotalas. Cando non, confío na memoria. En calquera dos dous casos, a inmensa maioría pérdense na miña cabeza ou na lea de papeis e cadernos esparexidos en múltiples recunchos da casa. ..»
As que non se perderon están neste fermoso libro.
Santiago Lamas