Detractores
Non foron poucos os escritores que no XIX e nos comezos do XX rexeitaron da chamada Modernidade, aínda que tiraran proveito das non poucas vantaxes políticas e sociais que trouxo respecto ao Antigo Réximen. Tamén pasa agora cos detractores do capitalismo ou da democracia liberal. Eu mesmo, na miña longa mocidade rebelde, fun un deles e mesmo nunca deixei de ler a algúns destes detractores ou aos conservadores críticos coa Modernidade, en canto portadores de ideas valiosas. Co tempo dinme conta que era un lacazán, que o meu non eran máis que gañas de descansar, que resulta máis cómodo poñer en cuestión o Todo que traballar para tratar de solucionar os moitos e variados problemas das complexas sociedades contemporáneas. Hoxe, para amplos sectores sociais a economía global capitalista é fonte de inxustizas e dificultades que non son quen de atallar as democracias liberiais que, a súa vez, en palabras do politólogo e profesor australiano John Keane, son vítimas do poder executivo, do que Thomas Jefferson denominou «despotismo electivo», da transformación das democracias parlamentarias en gobernos presidencias mediáticos que toman decisións sen consultar e ignoran as peticións de rendición de contas co apoio de «representantes parlamentarios que en nombre del Pueblo hacen poco más que servir de rodillas a sus amos ejecutivos» (John Keane, Por qué importan los parlamentos, Letras Libres, 264, septiembre 2023). Non son poucas as voces ilustradas que pronostican o fracaso e desaparición das poucas democracias liberáis que hai no mundo e que non fai moito eran moitas menos. Pola conta que nos ten, non deberiamos esquecer que, en 1941, só quedaban once democracias parlamentarias no planeta e nada máis que catro sobrevivían en Europa: Gran Bretaña, Suecia, Suíza e Irlanda,
O público e o privado
O coñecido filósofo canadiense, Charles Taylor, no seu libro Las fuentes del yo: la construcción de la identidad moderna (1989), afirmaba que na nosa época, na vida colectiva, nas normas de organización social e administrativa, semella que obedecemos as directrices da Ilustración, pero na esfera privada, fóra do traballo, os nosos máis íntimos monólogos e fantasías seguen o modelo do romanticismo. O poeta polaco Adam Zagajewski, nun artigo publicado en El País, en 2016, subliñaba respecto a afirmación de Taylor: «Y ese orden no debe invertirse». Non sei se xa daquela, pero dez anos despois semella que ese orden, sobre todo no relacionado coas directrices da Ilustración, presenta síntomas de descomposición.
Libros e editoriais
No 2015, o 50% da facturación dos editores norteamericanos e británicos corría a cargo de Amazon. A editorial que máis libros rexistrou en 2015 foi Bubok Publishing, unha plataforma de autopublicación que se adicaba, sobre todo, a publicar obras dos que pagan por velas “editadas”. Hoxe, permite a máis de 143.000 autores rexistrados subir e vender as súas obras e conta cun catálogo de máis de 200.000 obras e con miles de autores activos e miles de libros dispoñibles en venta física e dixital. As cifras meten medo, máis se lle sumamos a inmensa cantidade de publicacións das editorias máis convencionais e as que, en distintos formatos, colgamos na rede. Aínda tendo en conta que padecemos unha epidemia de vanidade hipertrofiada, non resulta fácil entender este tsunami, nin como facer para non rematar afogados por tantas palabras.
Pantallas
O ensaísta estadounidense Jonathan Crary definiu a modernidade como unha crise continua na capacidade de atención, que se radicalizou coa chegada da televisión e a implantación da cultura do zapping e a mestura continua de estímulos. O profesor Israel Márquez, no seu libro Una genealogía de la pantalla. Del cine al teléfono móvil (Anagrama, 2015), fala da figura do «flaneur audiovisual», que tería substituído ao paseante de Poe, Baudelaire e Benjamin. O que para o paseante foi a cidade, para o cidadán, desde a segunda metade do século XX, tería sido a televisión: «Un espacio de ocio y curiosidad por el que desplazarse libremente, registrando mentalmente los rostros y figuras de los paseantes para borrarlos inmediatamente después y sustituirlos por otros nuevos». Coa incorporación de internet, o emprego masivo dos teléfonos intelixentes e a intelixencia artificial xa nin sabemos que foi da atención. En 2016, o escritor estadounidense Leon Wieseltier, humanista xefe da prestixiosa Brookings Institution, nunha entrevista en El País (24/04/2016), afirmaba: «Internet ha elevado la tecnología a una centralidad en las vidas individuales como nunca. Internet es el mayor asalto a la atención humana jamás diseñado. Es una guerra contra la atención, contra el tiempo». E diante desta onda tecnolóxica recomendaba resistir: «El acto más revolucionario que uno puede hacer, fuera de la política, es ralentizar: la desaceleración». A recomendación, polo momento, tivo pouco éxito fóra, seguramente, da súa inclusión nos múltiples e variados propósitos típicos do ano novo que, en maior ou menor medida, acostumamos marcamos para mellorar as nosas vidas.
Cultura
«Apeada de su pedestal, hoy sólo se acepta su existencia como práctica social, sin más ni menos legitimidad e interés que cualquier otra actividad de ocio» (Alain Finkielkraut: Pescador de perlas. Alianza, 2025).
Rusia
Sabemos o que foi a URSS: Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas: «cuatro palabras, cuatro mentiras», en definición certeira de Cornelius Castoriadis, fundador en 1940 do grupo político Socialismo o barbarie e da revista do mesmo nome. Para saber da Rusia post-URSS, a presidida actualmente por Putin, resulta esclarecedor un artigo do profesor Ramón Máiz sobre un dos intelectuais rusos máis influentes nos círculos pro-Kremlin, no exército e nos grupos de extrema dereita: Eurasianismo y nacionalismo ruso imperialista en Aleksandr Dugin (Política y Gobernanza. Revista de Investigaciones y Análisis Político, 7, 5-32). Remata o artigo Máiz cunha declaración de Putin, de 2024, na que resoa con toda a súa forza o nacionalismo tradicionalista e imperialista de Dugin: «Para Occidente, lo que ocurre en Ucrania se trata solo de mejorar su posición táctica. Pero para los rusos es nuestro Destino, una cuestión de vida o muerte».
Europa
«europeo: o que ten nostalxia de Europa» (Milan Kundera). A pesar de que non pasa polo seu mellor momento, de que xurden no seu seo prácticas antidemocráicas e semella que volve estar presente a farsa esencialista da Europa das nacións, sigo sendo europeo porque sigo tendo nostalxia de Europa.
Coda
Ala vai o ano, e con el tamén vai el cercano, a iniciativa cultural creada por Moncho Conde Corbal en Ourense que algúns imos botar moito de menos. Pero que non se estenda o desánimo. Para fuxir da desesperación e do fanatismo que amosamos cando nos cargamos de razón, non estaría mal aceptar que, como explica de xeito convincente o filósofo neerlandés Ger Groot, o risco típico do ser humano contemporáneo é a pérdida de certezas e o non saber. Saúde, coraxe e alegría para o 2026.
Alfonso Mato