Vivir es laberinro. Eso se aprende.
—Eloy Sánchez Rosillo—
23 de xullo 2014
«No hay nada más importante que el amor en esta vida…» «¡Después de los hijos! ¡Después de los hijos!» –pronunciou as últimas frases, aclaratorias, cando abandonaba medio peneque a terraza do bar do barrio onde compartía mesa con dous prexudicados pola crise económica e a debacle do bipartito.
Non sei por que me veu á cabeza un episodio de antano, da primavera de 1981, na Coruña, visitando á Sabela e a un compañeiro de carreira que me sorprendera tempo atrás cando o descubrira lendo o Paradiso de Lezama Lima en clase de arte moderno e logo marcándose un tango no noso piso da Praziña de Loureiros. Comezaramos o día bebendo un vulgar viño espumoso nunha tenda bar tan estrafalaria como atractiva e medio clandestina que rexentaba unha muller, xa entrada en anos, que vivira moitos anos en Londres e profesaba un amor incondicional pola capital inglesa. Seguiron máis viños e copas pola cidade, nun cóctel explosivo para machucar, no meu caso, unha gripallada con 40º de febre… porque si, porque daquela era tan novo, tan chulo e tan descrido que pasaba da bioloxía. Acabei, co compañeiro, nun tugurio de tapadillo, nos arredores do Campo de Marte, apurando a madrugada a base de carajillos e a carón dun home de mediana idade, viaxante de profesión, con traxe e un bigotiño de formigas (daquela xa tan a contra tempo), borracho, colgado do meu brazo, chorando e ensinándome a foto da familia: «Aunque me veas aquí y así, chaval, te juro por mi madre, que en paz descanse, que mis hijos y mi santa son para mí lo primero».
24 de xullo 2025
Acordei subir á tardiña, como case todos os anos, a tomar uns viños a San Lázaro, ao mesón de Pura e Pepe, para mitigar os efectos do jolghorio compostelán e nacional galego. Por aquilo de espantar moscóns, fíxeno na compaña do último libro dun túzaro respectábel: o Guizos (Ourense: el cercano, 2025), do Santiago Lamas. A manobra funcionou un tempo, o que me deu para reler as cincuenta primeiras páxinas… ata que me interpeleou unha parella coñecida do barrio coa que non coindía desde facía meses. A conversa versou sobre os temas que están a diario nos medios de comunicación e que lle preocupan a algunhas xentes de certa idade, máis ou menos informadas: a corrupción dos políticos, o ensimesmamento e polarización dos partidos, o uso dos móbiles, as redes sociais e a intelixencia artificial, a vivienda, a inmigración, a busca de alternativas grupais diante da cativeza das medidas sociais respecto a unha sociedade cada vez máis avellentada, os conflitos de Ucraína e Gaza, o futuro de España, Galicia, Europa e o Mundo… A leria rematou, como case sempre, entre o pesimismo antropolóxico e o político e un haberá que ir tirando.
Logo de despedirnos, e mentres desfrutaba do último viño, lembrei que fai dez anos gardara un artigo do profesor José Carlos Bermejo no que alertaba de que as xentes xa non querían seguir un argumento político de 15 minutos de duración como os que expoñían, nos espacios electoriais, os principais partidos políticos nas primeiras eleccións democráticas e que daquela aínda tiñan audiencia; que as mensaxes tendían a condensarse nas redes sociais a xeito de lemas porque xa non existía realmente a política senón só os políticos, e por iso as súas vidas, corrupcións, ocorrencias e anécdotas eran o único obxecto de comentarios. Tamén lembrei que nese mesmo 2015 escribira eu un pequeño texto pesimista no que afirmaba que, agás vaguedades de corte comunitario, non atopaba alternativas cribles a extrema adición que temos as masas cara unha sociedade moi sofisticada e atractiva baseada no hiperconsumo, nos medios de formación e publicidade, no entretemento e no espectáculo. Por non falar das emocións, das paixóns, inherentes a todos os humanos e que perturban o ánimo e a razón, como xa alertaron, entre outros, os antigos gregos ou os ilustrados, antano, e agora a neurociencia e a psicoloxía evolutiva. Vir desde tan lonxe para comprobar que seguimos enleados nun indescifrábel labirinto…
Bermejo remataba o artigo citado cunha recomendación, tirada de Lenin, para as entón forzas emerxentes da esquerda: «Debéis estudiar, estudiar y seguir estudiando». Non semella que as esquerdas, as dereitas ou o xeral das xentes que podemos facelo esteamos polo labor. Tampouco me convencen os pregoeiros das virtudes da tribu e da vida en comunidade, os que buscan a solución nun reseteo do mundo ou aqueles que predican o aillamento en guetos monásticos. Sigo pensando que o individualismo non está rifado coa cidadanía. E dentro dos individualistas, teño simpatía por certos túzaros, como o Santiago Lamas. Pecho con el e cuns versos de Sánchez Rosillo:
Nunca gustei dos paraísos, dos superlativos, dos veráns e dos entusiasmos. Son desmesuras tediosas e case sempre efémeras, axeitadas para xentes festeiras das que Delfos avisou hai séculos: «Todas as cousas na súa medida». Desde hai anos, tampouco me debruzo nos espellos. Acepto a súa inapelable sentencias mais… por que asañarse cun mesmo? Das multitudes e das viaxes que agora conviven de maneira case obrigada, nin sei nin se me espera. Sigo o consello de Cioran: «Xamáis estar de acordo coas multitudes aínda que teñan razón». Ademais das xentes achegadas e familiares, os únicos seres vivos cos que hoxe convivo son os libros. Os gregos, Cervantes e Shakespeare, son vellos coñecidos moi visitados, e tamén me acollo en Cunqueiro e Otero Pedrayo entre os do país. Canetti tiña razón: «A miña patria é a miña biblioteca». Os nomes propios hai tempo que foxen de min, aínda que é Borges quen dicía: «A miña memoria vaise parecendo ao esquecemento, pero aínda atopa o que se lle encarga». A nugalla para non importa que vai medrando devagar; o desinterese polo que acontece no mundo tamén. Do político, non me podo afastar; dos políticos, si. Comparto a frase de Madame de Sablé: «Cómpre posuír certa graza para abandonar o mundo, pero ningunha para aborrecelo».
Das xentes coma min, din os coñecidos que somos túzaros. Non o nego. Eles tampouco. Sen dúbida, vou vello. «Le vent se lève… il faut tenter de vivre…».
—Santiago Lamas, Guizos—
Anduve con tropiezos y caídas.
Pero aquí estoy. Ningún resentimiento
en mi equipaje pesa.
Con pasmo y gratitud toco el enigma
de esta vida que empuja tantas veces
con un viento contrario, y que aun así
resulta ser al cabo tan hermosa.
Todo es como en los sueños:
sin norma ni sentido.
—Eloy Sánchez Rosillo, Venir desde tan lejos—