[O meu adeus a un ano de congresos, exposicións e publicacións: o artigo apareceu no último número de Tempos Novos, deste novembro de 2023]
- A falta de valorar as achegas que se fagan co gallo do centenario, pouco máis sabemos do Seminario de Estudos Galegos (en adiante, SEG ou Seminario) que o resultado da investigación que fixen no seu día, por encargo de Isaac Díaz Pardo, nos fondos da institución que garda o Instituto Padre Sarmiento, e que deu lugar a un libro publicado por Ediciós do Castro en 2001. Cando investiguei o tema, a documentación do Seminario xa estaba incompleta (algunha en mans da familia do último secretario xeral do SEG, Xesús Carro, e dun dos fundadores, Filgueira Valverde), ademais de descolocada e mesmo espallada polo chan do último piso da sede do Sarmiento. Durante estes últimos 22 anos, como puiden comprobar fai uns meses, unha pequena parte da documentación que consultei entón, e que catalogou a bibliotecaria Lourdes Pérez González para o meu libro, xa se perdera ou traspapelara, seguramente a raíz do cambio de sede do Sarmiento. Certo que neste longo tempo, tampouco fun quen de convencer a Díaz Pardo e a varias institucións de que se fixeran cargo, polo menos, da transcrición das actas e da correspondencia do SEG (parece ser, segundo me contou un responsable, que se vai levar a cabo a dixitalización da documentación existente no Sarmiento para poñela a disposición do público). Nin se aproveitou, polo momento, a celebración do centenario para buscar e investigar a correspondencia dos membros máis sobranceiros do Seminario (Filgueira, Bouza Brey, Risco, Otero, Cuevillas ou Xesús Carro). Nin coñecemos as fotografías orixinais do home que máis fotografou ao SEG: Luís Ksado. Non deixa de ser curioso que logo de 100 anos continuemos tendo dificultades para buscar e custodiar a documentación do pasado, mesmo do relativamente próximo, sobre todo se pensamos que unha das tarefas desenvolvidas polo Seminario foi a busca, catalogación e transcrición das fontes documentais da historia de Galicia e a elaboración dun arquivo gráfico do seu patrimonio histórico-artístico.
- Unha idea certeira de Ramón Villares, co gallo da exposición homenaxe ao Seminario (Luz na Terra. Museo da Cidade da Cultura), foi definir a este como unha institución de alta cultura, idea que xa apuntara Antón Villar Ponte nun artigo nos anos trinta para contrapoñer a vitalidade do SEG coa por entón anquilosada Academia Galega. De feito, os mozos universitarios e galeguistas que fundaron o Seminario tiveron como referentes ás institucións educativas e culturais máis renovadoras da época e coas que mantiveron relación: a Junta para la Ampliación de Estudios, o Institut d’Estudis Catalans e a Sociedad de Estudios Vascos. Para levar adiante o seu proxecto contaron co apoio da Universidade compostelá, dalgúns profesores e alumnos da mesma, dos intelectuais do grupo Nós e duns cantos eruditos laicos e eclesiásticos. Tamén contaron coas achegas económicas dos socios protectores (Arias Sanjurjo, Portela Valladares e a condesa del Valle de Oselle, entre os máis relevantes), das catro deputacións, de 21 concellos, do Ministerio de Instrucción Pública e das sociedades galegas de Buenos Aires, Montevideo e La Habana. Certo que o apoio económico sempre foi curto e, para máis, o tempo de traballo escaso. Xullo de 1936 chegou demasiado cedo, cando aínda se estaba incorporando ao Seminario a terceira camada de universitarios. Ao final, co trunfo do golpe militar contra a República e a instauración da ditadura franquista, o proxecto de converterse nunha institución de alta cultura quedou tronzado. Quedou na historia, iso si, a certeza de que a achega cultural e investigadora dos mozos universitarios e galeguistas do SEG xa non eran «boubas que ceiban ó vento / catro soñadores tolos…», aqueles versos de Curros, de El divino sainete, cos que encabezou Ramón Máiz a súa tese sobre o rexionalismo galego. O labor do Seminario foi un proxecto de investigación e divulgación cultural de carácter renovador similar aos que se desenvolveron en España naquel momento, un momento que definiu moi ben o escritor Juan García Hortelano nun artigo nos primeiros anos da Transición: «No seu sentido máis rigoroso a modernidade só se produce no noso país durante os dez anos que preceden á guerra».
- O Seminario foi reivindicado por algúns dos socios exiliados en América, como Castelao, Sebastián González García-Paz, Ramón Martínez López ou Xosé Núñez Búa. Mesmo nalgún momento falaron de organizalo de novo alí. Castelao rendeulle homenaxe ao publicar o seu libro sobre As cruces de pedra na Galiza co selo da institución. Sebastián González fixo algo semellante ao nomear dous centros da Facultade de Humanidades da Universidade de Río Piedras, en Puerto Rico, da que era decano, como Seminario de Estudios de Puerto Rico e Centro de Ampliación de Estudios, nomes que lembran aos das institucións culturais e educativas renovadoras de Galicia e de España que foran liquidadas polo réxime franquista. E mesmo Luís Seoane, que non fora socio do SEG, tratou de manter viva a súa memoria. Na Galicia franquista, algúns dos socios sobranceiros do Seminario non souberon ou puideron conseguir que sobrevivise a institución e remataron integrándose, a partir de 1943, no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento do CSIC, un remedo descafeinado do SEG que mantivo só a maioría das seccións de Letras, pero perdeu a autonomía da vella institución, o uso do idioma e o espírito galeguista. De feito, en 1973, co gallo do cincuentenario do Seminario, o Sarmiento editou un folleto, obra de Filgueira e Fraguas, no que se reproducía o editado pola institución en 1934, Dez cursos de traballo, 1923-1934, pero no que desapareceu o Anteproxecto de Estatuto da Galicia elaborado pola sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas do SEG. En 1978, Isaac Díaz Pardo, co apoio de eminentes galeguistas e dos vellos socios do SEG, alentou a restauración do Seminario nun proxecto que contemplaba a posta ao día do antiga institución. O novo Seminario de Estudos Galegos foi unha institución científico-cultural que realizou, baixo o paraugas protector de Díaz Pardo e do grupo Sargadelos, un importante labor entre 1979 e 2003. Non conseguiu facerse cos fondos documentais e museísticos do vello SEG, que seguen no Sarmiento, nin tampouco tivo o apoio e o recoñecemento institucional que merecía. Pero esta historia, que alguén debería contar, xa é outra historia.
- Desaparecido o novo Seminario, pouco quedou da memoria do vello SEG, agás os traballos realizados, desde a súa fundación, polo Museo do Pobo Galego en Etnografía, Folclore e divulgación da Historia de Galicia, que son herdeiros dos realizados pola vella institución. Mesmo na súa sede en Bonaval ten en exposición algunhas pezas do Museo do Seminario, cedidas polo Instituto Padre Sarmiento, que é o centro que garda gran parte da documentación do Seminario e boa parte das pezas do seu Museo. Algúns libros, revistas e xornais da Biblioteca do SEG tamén están na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago, e documentos e polo menos unha fermosa peza da colección museística do Seminario, nos fondos do Museo de Pontevedra. Hai que agardar un crecemento da memoria do SEG co gallo das actividades que están levado a cabo as diversas institucións galegas polo centenario, aínda que o consumo cultural na actualidade estea lonxe deste tipo de temáticas, como o exemplifican as cativas e avellentadas audiencias que asisten a congresos, xornadas e conferencias. Tal vez teñan máis éxito outras formas de divulgar a historia cultural de Galicia, como a camiñada que realizaron fai pouco cen persoas de Santiago a Ortoño, en conmemoración da que fixeron os mozos fundadores do Seminario o 12 de outubro de 1923. Ou o roteiro do SEG que prepara o Concello de Santiago pola cidade. A fin de contas, roteiros, camiñadas e andainas son actividades culturais e turísticas masivas na nosa sociedade. Non o podía imaxinar o Vicente Risco conservador e elitista que, no prólogo a Pelerinaxes (1929), alporizado coas viaxes en moto ou en automóbil, pregoaba que «a terra d’un débese andar d’a pé», mais nunca para facer turismo ou deporte, «porque entón ja nos achamos de novo envolveitos na vulgaridade noxenta dos calqueiras». De vivir hoxe, pode que don Vicente defendese como signo de distinción quedar na casa.