Todo es de color
-Lole y Manuel-
Son de primavera e verán, dúas estacións que, sen desprezar as outras, creo lles gustan especialmente a todas elas. Será cousa da luz, que a partir da Epifanía crecen os días e van abrindo os ollos á vida, que en abril e maio renace de novo con todo o seu esplendor nos verdes campos salpicados de amarelo e vermello por margaridas e mapoulas. Será que o escintileo cegador do sol de verán lémbralles que, como dixo Paul Klee, o amarelo é o color da vida e por iso fere os ollos. Tamén saben que o verde vidro do mar das nosas rías débese a que alí hai moita vida, que o azul dos ceos de verán fai máis insoportable a presenza da morte e que lle deben as calores de xullo e agosto o descubrimento das tenues cores da sombra e a penumbra. Quizais no outono volvan pensar en ordenar a casa e as cousas coa enganosa e fráxil esperanza de que tamén se ordenen as súas cabezas. Pode ser. Mentres, que non lles falte luz, vida e cor. E nada máis.