O presidente da FIFA fai unhas declaracións reaccionarias, populistas e vergoñentas nas que, para defender o mundial de fútbol en Qatar e criticar as posibles protestas dalgunhas seleccións de fútbol contra o réxime ditatorial qatarí, escúdase nas barbaridades cometidas no pasado polo colonialismo occidental, práctica cada vez máis frecuente entre gobernantes autoritarios e iliberais de todo o mundo mundial, e mesmo entre políticos pretendidamente demócratas. Os Gobernos das democracias liberais calan. Tamén as forzas da oposición, de todas as cores políticas; e os movementos sociais, mesmo o feminismo e os LGTBi.
Programa La noche en 24 horas, de TVE (21/11/2022). Remata o faladoiro con Alfredo Relaño, director de As, do Grupo PRISA, como invitado. O presentador, o invitado e os xornalistas non se cansan de denunciar a organización do mundial e ao Goberno qatarí, sen dicir nin unha palabra sobre o feito de que TVE retransmite os partidos do mundial e os medios, con El País á cabeza, dedícanlle moitas páxinas e horas ao acontecemento. Xa sabemos que o negocio manda, pero…
Menos mal que, polo menos e aproveitando a audiencia masiva do mundial, os xogadores de Irán negáronse a entonar o himno do seu país como protesta das últimas actuacións represoras do réxime ditatorial iranio contra as mulleres e os opositores a teocracia islámica.
Coda: Se non defendemos a democracia a nivel mundial (a liberal, si, porque ata o momento non temos outra mellor), corremos o perigo de perdela. Non sei vostedes, pero eu, como xa vivín un cacho da miña vida nunha ditadura e teño información de como se viviu e se vive nese tipo de réximes, non estou polo labor de perder o que teño.