DO PAN
Lendo en La Voz de Galicia sobre un panadeiro de Silván (Coristanco), hoxe con panadería en Carballo, que cando comezou repartía ata 100 quilos de pan diarios a cabalo nun radio de 40 km, lembreime da señora que na miña infancia vendía as bolas de pan de cea a lombo dunha mula polas terras de Maside e da que se comentaba que chegara a parir un dos seus fillos no camiño, nunha das xornadas de traballo. Non hai moito, unha moza amiga repartía polas casas da mesma terra, nunha furgoneta, o pan entre as 6 da mañá e o medio día por un salario miserable. Por esas mesmas datas, nun colexio de Vigo, cando un meu amigo profesor estaba explicando as crises de subsistencia no Antigo Réxime e a carencia de alimentos tan básicos como o pan, un neno preguntoulle: «Profe, e logo non tiñan pan Bimbo?».
SANTIAGO LAMAS E OS NOVOS INDIVIDUOS MONÁSTICOS
Este comentario de Roberto Calasso que copiei dun artigo de Félix de Azúa: «¿Dónde podrán refugiarse aquellos que no renuncien a pensar? Ya no en la universidad. Al pensamiento le sería útil un periodo de ocultamiento, de vida clandestina o camuflada de la que volver a emerger; una situación que podría asemejarse a la de los presocráticos».
UN ELOXIO DA CLASE MEDIA OU DO XUSTO MEDIO? Aquela frase lapidaria dunha das musas dos rock dos sesenta, a cantante Nico: «Estiven no máis alto e no máis baixo, e en ambos os dous lugares non hai nada».
BARCELONA
Relendo un vello artigo de Arcadi Espada (“Madrid, ciudad de la guerra”, El Mundo, 14/08/2017) no que comentaba que a Barcelona de comezos do século foi coñecida como «a cidade das bombas»: «no había ninguna ciudad europea con semejante olor a sangre y a pólvora», venme á cabeza a copla que cantaba a miña nai cando comezou a padecer a demencia e da que non puiden atopar referencias: «Yo no sé qué pasa en Barcelona, que todos los días hay revolución».
CANCIÓN DO VERÁN
- Marisol, Tómbola.
- Conchita Velasco, Chica yeyé.
- Los Bravos, Black is black.
- Cristina y los Stop, Tres cosas (salud, dinero y amor).
- Henry Stephen, Limón limonero.
- Los Payos, Mª Isabel.
- Los Diablos, Un rayo de sol.
- Tony Ronald, Help! Ayúdame.
- Fórmula V, Vacaciones de verano.
- Manolo Escobar, Y viva España.
- Peret, Canta y sé feliz.
- Georgie Dann, El bimbó.
Si, claro, ademais estaban os grandes do pop-rock internacional e os mellores do nacional, os da canción francesa e italiana e os cantautores galegos, españois e latinoamericanos. E o descubrimento na primeira metade dos setenta da Velvet, Lou Reed, Bowie e o Horses de Patti Smith. Xa, pero, entre os oito e dezanove anos tamén quedaron gravados na miña memoria musical todos os éxitos da canción de verán. E non os podo borrar. E máis, cando alguén saca en conversa algún destes temas, ao momento xa o estou cantando.
CIDADES/VILAS
«Las ciudades grandes engendran deseos: quiero ir a comer, al cine […] en un pueblo te haces bicho bolita: no se puede hacer nada».
-Hebe Uhart (1936-2018), escritora arxentina-
DA LECTURA E DO COÑECEMENTO
Non me vexo, polo momento, perdendo a curiosidade polo mundo e polo coñecemento. Non sabería que facer se me abandonan as gañas de ler ou de descubrir cousas ou persoas. Pero fai uns días, tomando unhas cañas cos amigos en Portocubelo (Lira, Carnota) e vendo pasar a vida baixo unha agradábel brisa mariña, pensei que hai cousas que me gustan tanto ou máis que a lectura e o coñecemento. A preguiza animal, a amizade e o amor son algunhas delas.
DOS VICIOS E DA IDADE
O peor que levo co paso dos anos é comprobar como pouco a pouco me abandonan os meus queridos vicios. O desexo segue presente, pero ben por prescrición médica ou por o decaemento propio da idade, as cousas distan de ser como antes. Hai que limitar ata niveis moi lonxe do hedonismo o consumo de todo aquilo que che daba pracer: comer, beber… O sexo? Como lle dixo un compañeiro de mili a Savater: «¿Te acuerdas del bromuro que nos daban? Pues a mí me hace efecto ahora». Eu non fixen a mili, e no internado creo que non nos daban bromuro, pero…
Alfonso Mato