En setembro de 1986, cando abriu a Bodeguilla en San Roque, aínda vivía no barrio. De feito, desde que cheguei a Compostela, en xaneiro de 1974, e ata 1987, a miña vida discorreu na mazá de casas que limitan as rúas de Loureiros, Hospitalillo, San Roque e a pequerrecha Praza das Penas. Lembro que, polo menos ata os oitenta, as xentes do barrio paseaban as mañás en bata de casa e zapatillas, e manifestaban a súa condición de habitantes do arrabalde cando ao baixar ao centro da cidade, dicían que ían «al pueblo». No Hospitalillo había tres bares, o Roque e o Michelín na beirarrúa dos impares e a Rajada na dos pares, onde, ademais, durante unha temporada estivo aberta unha barra americana que pechaba a miúdo a autoridade gobernativa e que frecuentabamos para tomar café e contemplar a escena tenra e triste delas lendo tebeos. En fronte estaba o zapateiro malencarado do 850, e facendo a rúa aínda podo ver ao chulo portugués, un milhomes baixiño, escuálido, de bigote fino, pitillo e traxe de raias. E ao señor Rafael ¡pola mañá! (o seu saúdo e grito de guerra cando entraba na Bodeguilla), que en paz descanse. Máis alá, mediada Porta da Pena, estaba a taberna de Angelito, o Músico, na que celebrabamos as alegrías a golpe de ribeiro turbio, ovos duros e cantares galegos. Os días atravesados, de estupidez e borracheira negra, matabamos a noite pinchando na juke box do Roque o Rebel, Rebel do Bowie ou algunha rancheira. A pesar de todo quero crer que eramos felices… porque eramos mozos.
Non quixera facer socioloxía barata se afirmo que a Bodeguilla introduciu a modernidade no barrio, cando menos na hostalería tan ancien régime que padecemos ata a súa chegada. De pronto tivemos a posibilidade de poder tomar tapas e viños decentes. En certa medida, a apertura da Bodeguilla foi como un sopro de aire fresco que nos fixo esquecer o ambiente avolto que respirabamos nas tascas de antano, ao igual que a maioría absoluta conquistada polos socialistas en 1982 supuxo un punto e á parte respecto a aquel sen vivir da transición que acadou a súa plenitude na tarde/noite do 23 de febreiro de 1981, cando os esquerdistas e libertarios volvemos darnos conta de que eramos moi poucos, que sempre o fomos e que en boa parte viviamos inmersos no desencanto. Armada y sus muchachos espertáronnos de golpe e logo dunha noite alcohólica e toledana, amencemos demócratas e moderados e dispostos a engrosar as filas da movida e a modernidade.
Xa choveu desde 1986… Desde entón a Bodeguilla sempre foi unha referencia fiable na hostalería compostelá. Mesmo agora que pecha, logo de trinta e cinco anos de servizo, deixa irmás xemelgas e melloradas en San Lázaro e Santa Marta. Durante moitos anos foi unha presenza case diaria na miña vida, a taberna que acolleu a amigos, familiares, amores e, de maneira especial, esas queridas horas de soidade na terraza, no verán, no caer da tarde, na compaña dun libro e unha botella do mellor viño, esperando que a lúa asomara por riba da capela de San Roque. Para que mentirlles, nunca lle fun fiel, pois como dixo Savater, “en materia de vino, como en el amor, -e nas tabernas, engado eu-, hay que seguir la divisa de San Agustín: buscar como quien precisa encontrar y encontrar como quien precisa seguir buscando”. Tampouco minto se lles digo que foi un lugar onde reinaron con calidez e profesionalidade asombrosas, Berta, Andrés, Xurxo, Suso, Charli, Josiño e Javier –por citar só aos máis estimados e antigos dos traballadores. Grazas e parabéns a todos por estes 35 anos.
Alfonso Mato