A urxencia de recuperar a admiración (unha pequena homenaxe a Isaac Díaz Pardo)*
A primeira e única vez que escribín sobre Isaac Díaz Pardo foi no inverno de 2007-2008, cando as obras da Cidade da Cultura aínda estaban sen rematar e o Instituto Galego de Información (IGI), a última factoría cultural do Grupo Sargadelos creada por Isaac, estaba en transo de desaparición. Volvo a facelo agora, por invitación das xentes de Alento Esbravexo, cando o IGI está morto e abandonado, ao igual co Museo Carlos Maside e Ediciós do Castro, dúas importantes iniciativas culturais propiciadas por Isaac e Luís Seoane desde o Laboratorio de Formas. Mentres, a Cidade da Cultura, a piques inda de finalizar a súa paquidérmica arquitectura central coa construción do Edificio Fontán, converteuse nos últimos anos no maior proxecto cultural público, en tamaño e inversión, de Galicia. Así están as cousas desde fai xa tempo: triunfa a cultura do espectáculo, o desperdicio, o consumo, o entretemento e a diversión, propiciada incluso polas administracións e institucións públicas, como esas Universidades que inauguran os cursos con concertos de música pop/rock e ofertan clases de salsa, bachata, merengue, conga, cha-cha-chá e rueda cubana, sen esquecerse das danzas tradicional galega, contemporánea, creativa ou oriental, ademais dos cursos de pandeireta e similares. Semella que as administración públicas tomaron nota daquilo que escribira Félix de Azúa nos anos noventa: «¿Qué le dicen las masas al Estado?: Diviérteme o te mato». En fin, diante deste panorama pouco tiña que facer unha industria cultural privada creada con poucos medios económicos e humanos e centrada, sobre todo, en investigar e divulgar dun xeito claro e sinxelo a nosa historia e a nosa cultura e apoiar as actividades de diversos colectivos e sectores culturais galegos.
A pesar do fracaso final das súas empresas, ben merece Isaac Díaz Pardo as homenaxes que se lle van dedicar este 2020 co gallo do centenario do seu nacemento en recoñecemento do seu labor como empresario, artista, deseñador e impulsor da cultura en Galicia. Agardo que, ademais, a divulgación pública da súa vida e as súas obras esperte o interese dos estudosos e que algún historiador da economía se dedique a investigar sobre o Grupo Sargadelos ou que un ensaísta ou historiador da cultura se anime a afondar na súa vida ou a debuxar alomenos un perfil biográfico de Isaac ao estilo de Lytton Strachey, tarefa que me propuxera o meu amigo Antón Baamonde valorando con cariño as miñas cativas dotes como escritor e psicólogo e os alegres anos que pasei no IGI na compaña de Isaac e os meus compañeiros/amigos de traballo. Creo que xa non é cedo para acometer este tipo de tarefas. De milagre sería que algunhas persoas, influenciadas pola admiración, ese sentimento moral e virtude que non abonda neste tempo tan alentador da mediocridade como ideal, acordasen imitar a aquel home que, a pesar de ser un profundo escéptico e descrido, nunca deixou de traballar pola cultura desde a autonomía persoal, a xenerosidade e a liberdade. Falta fan.
(*) Artigo publicado no blog “Unha manda de pezas para Isaac”, das xentes de Alento Esbravexo, no que tamén se inclúe un texto, “Monxoi”, sobre Isaac e o IGI, que foi publicado en edición no venal en 2008.
https://mandadepezasparaisaac.blogspot.com/2021/01/alfonso-mato-o-igi-e-isaac-diaz-pardo.html