Cando en 1927, Otero Pedrayo, Risco e Ben-Cho-Shey, amigos e irmáns no ideal galeguista, decidiron peregrinar a pé dende Ourense ata o Santo André de Teixido, no cabo do mundo, as xentes estaban acostumadas ao moito pasear e camiñar e mesmo comezaban a popularizarse o excursionismo e o deporte, pero peregrinar só se peregrinaba, e pouco, a Santiago de Compostela. Mais a viaxe dos tres escritores ourensáns, que logo narrou Otero no libro Pelerinaxes (1929), non tivo apenas repercusión, agás a limitada aos círculos do nacionalismo galego, quizais a causa do cativo peso político, cultural e social que tiñan daquela os «irmauciños», como lle chamaban ironicamente aos militantes das Irmandades da Fala os seus inimigos políticos.
Esa estraña camiñada dos tres homes de Nós, que cruzaron o interior de Galicia do sur ao norte, foi a desculpa que empregaron Santiago Lamas e Alfonso Mato para escribir o pequeno ensaio De camiños, viaxeiros e camiñantes (2016). Tres anos máis tarde, uns amigos ourensáns, encabezados por Moncho Conde Corbal e Lamas, fixeron de novo a pé a peregrinación dos Nós e deixaron a súa experiencia nun libro guía da viaxe que publicou Ediciones el cercano baixo o título de O noso camiño. Agora, o Consello da Cultura Galega publica na súa páxina web un itinerario multimedia das oito etapas da peregrinación de 1927 co título de “Pelerinaxes. Nós: de onte a hoxe”, con edición de Manuel Gago, fotografías de Sole Felloza e textos seleccionados por Alfonso Mato. O libro guía editado por el cercano máis o itinerario dixital do Consello compleméntanse e seguro que serán de axuda aos que gustan das viaxes literarias, do camiñar a pé ou de descubrir rutas novas, e mesmo penso que poden ser de interese para os distintos concellos polos que transcorre o camiño. Ben sei que este tempo de pandemia non é moi acaído para facer unha camiñada de Ourense a Teixido, pero agardemos que as cousas vaian a mellor e podamos volver a gozar das distintas formas de sociabilidade que nos caracterizan aos humanos. Tamén a viaxar e descubrir outros camiños, como este literario de Teixido, que está tan pouco camiñado, ou todos os que fican abandonados ou mortos e que os galegos de antano bautizaron como curripas.
Logo da propaganda, aclaro que non son tan inxenuo como para animar aos lectores a camiñar, sobre todo porque é unha práctica que nas súas distintas variantes xa se converteu en masiva e se fai por todo o mundo (pode que hoxe, o repugnante do Risco, diante desta masificación, propugnara que o máis elegante sería quedarse na casa). Tampouco a que o fagan a Roma, Xerusalén, Compostela ou Teixido, aínda que ir de vivos ao Santo André do cabo do mundo, segundo conta a tradición, aforre o risco de ter que facelo de mortos como almas en pena ou reencarnados nun bicho. Menos que camiñen coma os Nós, por misticismo patriótico, algo que afortunadamente nin tan sequera estarían dispostos a facer na actualidade os nacionalistas galegos. A fin de contas, postos a camiñar, sempre admirei aos que camiñaron e camiñan sen rumbo, aos que fan da camiñada unha forma de coñecemento ou un xeito de vivir. E continuo pensando que, se callar, o mellor camiño é o que leva a ningures.
O itinerario multimedia do Consello da Cultura Galega: