Os que somos un pouco obsesivos ou excesivamente curiosos na nosa relación co mundo e os seus negocios acostumamos a darlle moitas voltas a todos aqueles asuntos que cremos nos afectan a nós e ao resto dos mortais. A día de hoxe andaba un atarefado co tema de crecer como persoa. Pensaba que talvez só teñamos algunha posibilidade de conseguilo cando nos esquecemos de nós e nos liberamos da protección do grupo, xa sexa o familiar, o das amizades, o dos partidarios ou o da tribo, ben sexa local ou nacional. Sei que todos necesitamos do cariño, mesmo aqueles que somos un pouco cardos ou imos de sobrados, máis creo que dentro da burbulla protectora da familia, das amizades ou dos partidarios é moi difícil crecer e chegar a ser persoa. O neno aprende na escola a enfrontarse con aqueles semellantes que non coñece nin trata, o mesmo que lle pasa o adolescente cando abandona a cuadrilla ou ao traballador ou ao político cando se expoñen á opinión das xentes e non ás das súas amizades ou coñecidos. Ninguén crece como persoa tan só co apoio e o cariño dos seus. Penso que a soidade e o contacto cos outros, cos que nos poden negar ou poñer en cuestión, son imprescindibles.
Dicía que andaba hoxe dándolle voltas ao tema mentres gozaba do viño da caída do día, o da tentación do demo ou da ansiedade, cando a cociñeira do bar que frecuento no barrio animoume a que probara un dos meus pratos preferidos, a perdiz escabechada (estamos en temporada de caza). Non son eu de milagres, pero poden crerme se lles digo que a perdiz e o viño animaron a leria cos veciños que acuden a miúdo ao bar, cada un do seu pai e da súa nai e coas súas crenzas e as súas manías. Tal foi a cousa que mesmo houbo un momento en que cheguei a dubidar de que somos Babel e que de cando en vez nos visita un deus para mostrarnos que hai algo máis que a ferruxe que envelena e contamina os nosos días.