De verdade que non nos damos conta? Seguimos colgando aquilo que nos parece importante (sinto dicilo, pero eu estou bastante ben informado) ou facendo autopropaganda (eu fixen aquilo ou este ou aquela outra cousa) ou dándolle merengue ás amizades ou marcando un Me gusta como se non nos coñeceramos ou mesmo non puideramos guasapear ou falar por teléfono ou, moito mellor, quedar un día para tomar un café, un viño, unha caña… e falar e/ou botarnos á gorxa, se se dera o caso. De verdade que somos tan estraños?
Onte chamoume unha vella amiga desde Basilea para felicitarme por un premio que me deron e un libro que acaba de saír. Facía anos que non falabamos… Rematei levando a conversa a un lugar común para min, a cultura galega… Que lle ía dicir? Que me importan un carallo os premios e os libros e a cultura e, aínda máis, a cultura galega? Que sinto unha melancolía tremenda por non poder estar en Basilea, mirando como discorren as augas do Rin, compartindo uns macarróns á arrabiatta no barrio de putas ou visitando a nova ampliación do marabilloso Kuntmuseum?
Sei que somos Babel, pero tanto?