Nunha entrevista a Élisabeth Roudinesco, co gallo da publicación en España da súa biografía sobre Freud (“Freud, en su tiempo y en el nuestro”, Editorial Debate), afirma a sempre interesante ensaísta, psicanalista e historiadora da psiquiatría que o gran labor de Freud foi que nos converteu en heroes das nosas vidas. Paréceme acertada a afirmación, sempre e cando lle quitemos a palabra heroe a acepción que tiña na antigüidade grega e mesmo a hoxe xa polisémica derivada da ficción literaria, onde fai tempo que teñen cabida antiheroes e superheroes. As nosas épicas non son as de Aquiles, tampouco as de Corto Maltés ou Spiderman. Nos mellores dos casos teñen que ver co labor humanitario e social, e a nivel estritamente individual semella que non van máis alá das propostas dos libros de auto axuda ou das múltiples técnicas do coñécete a ti mesmo, pero iso, como di Ferlosio, é para xentes que non teñen outra cousa que facer.