Critícanlle ás novas forzas políticas, ás veces con razón, a caída no populismo, un fenómeno que alcanza ás dereitas e ás esquerdas, sobre todo nestes tempos nos que as democracias son incapaces de solucionar os graves problemas económicos e sociais que sufren unha boa parte dos cidadáns. Resulta fácil acollerse ao populismo —como tamén ao pensamento máxico—, aínda cando sabemos polas experiencias coñecidas que este non acostuma solucionar ningún dos problemas que denuncia e moito menos contribúe á formación e á organización autónoma da cidadanía, nin garante o dereito á disidencia, nin resulta un bo camiño para profundizar na democracia, mal que lles pese aos seguidores dun dos últimos teóricos do fenómeno, o arxentino Ernesto Laclau, un pensador postmarxista dono dun discurso tan singular como arrevesado pola súa xerga postestruturalista que, ao meu modo ver, acertou moito máis nas súas interesantes críticas á esquerda marxista que na súa reivindicación do populismo.
Pasamos por un momento no que todas as forzas políticas levan á xente continuamente na boca —por non falar dos medios de comunicación—, tanto que xa me lembran a Viva la gente (Up With People), a organización internacional que nos anos 60 e 70 fixo popular aquela canción cursi e «buenista»: «Viva la gente, la hay donde quiera que vas. / Viva la gente, es lo que nos gusta mas. / Con mas gente, a favor de gente, / en cada pueblo y nacion, / habría menos gente dificil y mas gente con corazon». O certo é que da caída no populismo non se salvan tampouco os vellos partidos políticos que tanto critican aos novos. Un exemplo moi recente recóllíao o xornalista Manuel Jabois onte en El País, nun artigo no que comentaba a conferencia política do PP, “X El futuro de España” (repárese no “X” como aceno á mocidade), que tivo lugar estes últimos días. Jabois facíase eco do discurso inaugural, pronunciado por Andrea Levy, vicesecretaria de Estudos e Programas dos populares: «Su discurso tuvo un momento álgido al anunciar que el programa del PP lo harían 800.000 militantes. Acto seguido, como si el diablo le hubiese ordenado los párrafos, alertó sobre los populistas».