Falaban no telediario da Primeira do cativo incremento do uso de internet entre os vellos e apoiaban a noticia con algunhas entrevistas na rúa. Nunha delas, a xornalista mantiña a conversa que sigue cunha vella duns setenta anos:
-¿Tiene usted internet?
-No.
-Dicen que hace mucha compañía.
-Ya. También los perritos.
Iso é internet para a gran maioría dos usuarios, un substituto da compañía, un xeito de pasar e/ou matar o tempo, un simple divertimento. Por esa razón está xa nas nosas mans, nos chamados teléfonos intelixentes. Certo que a propaganda fala das enormes vantaxes de estar permanentemente conectado á rede por medio destes aparatiños. Semella que son tantas esas vantaxes que mesmo algunhas autoridades educativas, influenciadas por pedagogos á ultima e compañías de telefonía móbil, están pensando en permitir o seu uso educativo nas aulas. A falta de autoridade para ensinar aos nenos a permanecer sentados -un dos primeiros e nada desdeñables logros que conseguiu no seu tempo a escola segundo Kant-, e de mestría profesoral para captar a súa atención, hai que botar man de calquera cousa para que os rapaces non se desmanden e non se aburran. E nada mellor para iso que o emprego desa nova, sabia e doce compañía que temos os humanos nas nosas mans. Ben pensado, sería unha decisión consecuente cunha sociedade que fai tempo que conta entre as súas principais demandas a diversión.