Nemesio Barxa garda o guión de Eloy Lozano para «A Esmorga»
O avogado, amigo de Blanco Amor, formaba parte da produtora Nós
Unha das grandes oportunidades perdidas do cine galego ten protagonistas ourensáns e camiña nese terreo de néboas que son sempre as moitas versións que se teceron arredor. Eloy Lozano e Eduardo Blanco Amor foron os autores da historia dunha película que puido ter sido e non foi: o mozo Lozano, daquela un inquedo cinéfilo e implicado director novel, quixo levar ao cine A Esmorga e o escritor ourensán rexeitou a proposta para darlle autorización a Gonzalo Suárez. E o resultado pasou, con máis pena que gloria, directamente ás oportunidades perdidas do cine español.
Un dos testigos privilexidos daquela historia, pola amizade que tivo con Eduardo Blanco Amor e a coincidencia no activismo cultural con Lozano, é o avogado Nemesio Barxa. No seu arquivo garda as pouco máis de setenta páxinas, mecanografadas de xeito impecable e encardenadas, da proposta da produtora Praia Lenta Films -con domicilio na casa de Lozano- para levar ao cine a novela de Blanco Amor.
Xornadas de Cine de Ourense
Nemesio Barxa lembra que naqueles tempos Ourense lideraba a reivindicación a prol dun cine galego, dende as Xornadas de Cine: «Realmente Carlos Varela foi a alma mater de todas aquelas iniciativas cinematográficas. Fixera o traballo das Encrobas e outros, e era un home que estaba moi metido en todo aquilo e, xa digo, era a alma mater do festival. Logo andabamos por alí Julio Losada, Cipriano Jiménez Casas, Eloy Lozano, eu e máis xente». Unha das iniciativas para apostar por un cine de seu foi a creación da Produtora Cinematográfica Nós. A avogado lembra que daquela «Lozano díxonos que tiña preparado un guión da Esmorga e someteuno á posibilidade de que se fixera a través da produtora. E que se sometera a revisión por parte de Eduardo». Foi Nemesio Barxa o que falou persoalmente con Blanco Amor: «Eduardo era moi seu. Tampouco che dicía de pronto ?iso está moi ben?, e só dicía que ?boeno, aquí habería que facer tal, alí habería que cual?… pero eu entendín perfectamente, na maneira que el tiña de falar, que lle daba o seu parabén e que ía meter a culler onde considerase necesario para melloralo. Pero que estaba de acordo co que se tiña presentado».
A fatalidade cruzouse no camiño disfrazada de proposición do director Gonzalo Suárez. Nesta altura, con moitos anos vividos dende aquela, Barxa lembra aqueles momentos: «Eu era da produtora Nós e amigo de Eduardo. Non me pareceu mal: Nós era unha produtora nova e Lozano tampouco tiña unha traxectoria que o avalase. E botouse en mans de Gonzalo Suárez, que xa era un director recoñecido. Non me sentín doido, entendín perfectamente a decisión que tomaba. Co que me sentín doido foi co feito de que ao final fixeron una merda de película que non reflicte para nada a novela».
Blanco Amor recoñeceu o erro
O escritor quedou moi desilusionado con Parranda. Nemesio Barxa lembra que «non recoñecía a súa obra nin os seus personaxes na película. En máis dunha ocasión comentoume que o resultado tería sido mellor co guión de Lozano. El prefería este guión. Por iso o gardo, por fidelidade a Eduardo».