Hai anos, o sociólogo americano Robert K. Merton, clasificou as posibles alternativas que se poden dar cando enfrontamos medios e fines, en cinco tipos: conformismo, ritualismo, retraemento, innovación e rebelión: Metas-Medios en Conformismo + +, Ritualismo – +, Retraemento – -, Innovación + -, Rebelión +/- +/-.
Toda sociedade propón unhas metas lexítimas, económicas, artísticas, políticas, etc. e uns medios axeitados para chegar a elas. Hai conformismo cando hai aceptación tanto das metas como dos medios. Hai ritualismo cando non se ten interese en acadar esas metas e abonda co que se ten: estou ben como estou, chégame co que teño…Hai retraemento cando se rexeitan tanto as metas como os medios.Vagabundos, psicóticos, marxinais, mesmo frades e monxes, entrarían nesta categoría. Na innovación acéptanse as metas pero non os medios lexítimos. Toda a delincuencia organizada ou non e a corrupción, entran nesta ampla categoría. Hai en fin rebelión cando non se aceptan nin as metas nin os medios e propóñense outros diferentes. Son as revolucións.
Este sinxelo sistema de Merton ten a virtude de mostrar tipos ideais que nos permiten orientarnos no medio do aparente caos social aínda que na realidade estes tipos poucas veces se atopen puros.
Cando Raymond Aron escribe nos anos 50 do pasado século sobre os acontecementos na URSS e sobre a insólita defensa, ou polo menos a tolerancia, coa que os intelectuais do tempo recibían as novas do Gulag, dos xuízos de Moscú, da falta de liberdade e da brutal represión nos países comunistas, sabe que na cerna desta tolerancia estaba a vella polémica da relación entre metas e medios. Para Aron, a complicidade dos seus colegas coas novas que chegaban do Leste, tiña unha coartada moral que resumía así: os fines sublimes xustifican os medios horribles. O problema xa daquela, era que aínda que se aceptase esa coartada no nome dun ben no porvir, a historia xa demostrara unha e outra vez dende tempos moi antigos, que os medios horribles nunca acadan os fines sublimes que en teoría os “xustifican”
Esta coartada foi a que permitiu que moitos intelectuais defendesen cousas indefendibles cando tiñan información de abondo para desbotalas. Todorov cando aínda vivía en Bulgaria e teimaba por dispoñer da mesma liberdade de lectura e publicación que tiñan os seus colegas franceses, preguntábase porque non os axudaban a ser tan libres coma eles e porque axudaban ao goberno que os afogaba. Kundera abraiábase de que os intelectuais estiveran encantados con aqueles que lles negaban a liberdade. Un recoñecido escritor español xa falecido, afirmou que se de verdade existiran os campos do Gulag que Solzhenitsyn denunciaba en Archipiélago Gulag, Solzhenitsyn debería estar alí pechado. Todorov xa en Francia, afirmaba que se só votaran os intelectuais, votarían réximes nos que o voto seria suprimido. Ao cabo, nos anos oitenta caeu o muro de Berlín e a xente fuxía non cara o leste senón ao oeste, como fuxiron os albaneses e como fuxirían os cubanos e os coreanos do norte se puidesen. A frase de Raymond Aron, debería escribirse en letras de bronce na entrada dos edificios onde se exerce o poder. Na realidade, a democracia co seu reparto de poderes, non é máis que unha maneira de impedir que demagogos con poder en nome dos fines sublimes recorran a medios horribles ou o é que moito peor pero neste caso non ten o apoio dos intelectuais, que en nome de fines horribles recorran a medios horribles.
Outro problema é a procura de fines lícitos por medios tamén lícitos pero nocivos globalmente. Unha lectura do libro El Optimista Intelixente de Matt Ridley é de moita utilidade para poder entender estes novos problemas dunha maneira informada.
(No Porto do Son no aniversario da caída do muro de Berlín) QUEIRUGA